Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Máis dun cuarto de século na primeira liña

Touriño deixa o seu escano no Parlamento

Cando se cumpre un ano da derrota do bipartito, o ex presidente confirma a súa retirada política renunciando ao asento de deputado.

Fernando Arrizado - 12:14 10/03/2010

"Xa non estarei no debate sobre o Estado da Autonomía da semana que vén". Con esta frase iniciaba a súa comparecencia un griposo Emilio Pérez Touriño, que esta cuarta feira comunicaba a súa renuncia ao escano no Parlamento.

O ex presidente do Goberno, no entanto, non deixou escapar a oportunidade para recordar que "Galiza vive un momento dramático". "Afronta a peor situación que podiamos imaxinar: en termos de paro, en termos de tecido empresarial, en termos de dificultade de protección social".

Advertiu, ademais, do "risco" que corre o país de "perder o seu poder financeiro", e recomendou "unidade" para afrontar todas estas situacións. "Galiza é un país que demostrou que pode medrar, que pode crear emprego, que ten unha sociedade moderna e capaz", acrecentou.

O futuro de Touriño, após unha "carreira política dilatada", volve pasar pola docencia. Logo de comezar na política na década de 1980, cos gobernos de Felipe González, e posteriormente incorporarse en 1987 ao Parlamento de Galiza, o socialista impartirá a partir de agora dous posgraos na USC. Un, en Económicas: "Desenvolvemento Rexional e Integración Económica"; e outro, en Políticas: "Políticas Públicas".

Ademais, ante a concorrencia de medios que se deron cita para escoitar a súa improvisada comparecencia, dixo que traballa nun proxecto de investigación "nunha materia por min moi querida", no Laboratorio de Estudo Galiza-Norte de Portugal, da Eurorrexión. E, tamén, que pasará a formar parte do Consello Consultivo.

"Á disposición do meu país"
A súa renuncia "entra dentro da normalidade democrática", e é "consecuente" coa decisión tomada hai un ano logo da -segundo palabras literais- "catástrofe" que supuxo a perda do Goberno e que o levou a dimitir como secretario xeral do PSdeG.

"Non teño máis que palabras de gratitude", afirmou Emilio Pérez Touriño, que asegurou que sempre estará "á disposición" dos socialistas galegos, "aínda que non na primeira liña política"; e "á disposición do meu país, da miña terra e da miña xente", concluíu.


Manuel 'Pachi' Vázquez (PSdeG): "Emilio pasará a historia por moitas cousas"

[03:31 minutos]


4,64/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: