A APDR elaborou unha unidade didáctica para os escolares da comarca que desde Ence pediron prohibir nas aulas.
Este martes preséntase á fin a unidade didáctica elaborada pola Asociación para a Defensa da Ría de Pontevedra (APDR), que pretende ser "unha ferramenta de transmisión de coñecementos, hábitos e actitudes de conservación e sustentabilidade do medio que nos rodea".
Para a APDR é clave a sensibilización das novas xeracións para contribuír á extensión dunha "conciencia cidadá que actúe guiada pola idea do desenvolvemento sustentábel como modelo de xestión da nosa sociedade". Foi especificamente deseñada para o seu uso no terceiro ciclo de Primaria, mais recomendan o seu uso, na súa totalidade ou parcialmente, no primeiro ciclo de Secundaria. O cartafol pedagóxico inclúe unha guía didáctica para o profesorado, cadernos de observacións, actividades e estudo, unha gía do roteiro arqueolóxico dos Sete Camiños e complétao un DVD baixo o título 'Futuro para a Ría de Pontevedra'.
Ence chamou a impedir o seu uso nas aulas
O proxecto didáctico da APDR provocou polémica hai xa meses, cando desde o chamado Grupo de Traballadores Independentes da fábrica de Ence na cidade presentaban un escrito no departamento provincial de Educación reclamando quenon se permitise nos colexios da cidade a difusión de contidos contrarios á actividade industrial da planta.
Daquela, a APDR preguntáballes aos membros da empresa se querían ocultarlles aos rapaces o dano ambiente. Ao fío, a plataforma cidadá argumentaba que analizar no contexto dun aula e no marco da educación ambiental, o impacto da factoría de Ence na Ría é "non só lexítimo senón tamén educativo e formativo". "Constitúe un paradigma dos prexuízos ambientais, sociais e económicos que unha industria das características da referida pode chegar a provocar", engadían.