O colectivo recorda que a unidade didáctica que prepara foi financiada no seu momento pola Xunta e recomenda usala como material nas escolas.
A descrición dos condicionantes xeomorfolóxicos que definen unha ría, as características climáticas e oceanográficas que determinan a súa riqueza biolóxica, as diferentes zonas e comunidades biolóxicas presentes en cada unha delas, a riqueza de recursos posíbel se o medio se xestionara de xeito sostíbel, os principais problemas ambientais que impiden o aproveitamento sustentábel desa riqueza, e o impacto "evidente" entre eses problemas da presenza do complexo industrial de Lourizán. Velaí algunhas das cuestións das que se ocupa a unidade didáctica que está a elaborar na actualidade en Pontevedra a Asociación Pola Defensa da Ría (APDR).
Ao respecto recordan desde a plataforma cidadá que se trata dun proxecto para o cal recibiron unha subvención da Consellaría de Medio Ambiente, polo que exemplares deste material obrigatoriamente serán trasladados aos colexios para seren usados como material didáctico. Segundo repasan, trátase de recursos que poden ser incorporados aos currículos de materias como Coñecemento do Medio, Ciencias Naturais, Educación para a Cidadanía, Filosofía, Economía ou Ciencias da Terra e do Medio Ambiente.
Ao fío, e respondendo ás acusacións lanzadas por traballadores do complexo industrial de Ence, subliñan que tal unidade didáctica está aínda sen concluír polo que "dificilmente podería ter sido utilizada nas aulas", tal e como acusaran os membros do chamado Grupo de Traballadores Independentes da fábrica de Ence. "Como acostuma ser habitual, o comité de empresa de ENCE falta á verdade ao denunciar accións que nunca se teñen producido", retrucan, "a APDR nunca realizou proxeccións ou charlas nas que se falara de ENCE en ningún centro educativo da comarca".
"Queren ocultarlle aos rapaces o dano ao ambiente?"
Engaden sobre a polémica que, analizar no contexto dun aula e no marco da educación ambiental, o impacto da factoría de Ence na Ría de Pontevedra é "non só lexítimo senón tamén educativo e formativo". "Constitúe un paradigma dos prexuízos ambientais, sociais e económicos que unha industria das características da referida pode chegar a provocar", indican desde o colectivo social, laiándose do exemplo de destrución paisaxística, contaminación atmosférica, danos á saúde, e destrución do ecosistema acuático e dos recursos naturais, que supón, denuncian, este complexo industrial.
"A referencia ao complexo de Lourizán é obrigada cando se abordan contidos relacionados coa destrución da natureza", subliñan desde a Asociación para a Defensa da Ría. De paso, denuncian que o comité de empresa de Ence "pretende ocultar o dano e matar o mensaxeiro para evitar que os cidadáns sexan conscientes dos graves danos que a empresa está a producir, danos que so terminarán cando a fábrica de pasta saia da ría". Xa que logo, aproveitan para facer un novo chamamento á participación na mobilización convocada para o próximo sábado 13 de xuño, que esixirá novamente a saída da celulosa da ría.