Dende a Asociación para a Defensa da Ría sinalan que non hai unha campaña escolar contra a central. Este sábado maniféstanse de novo pedindo o seu traslado.
Os responsábeis do Grupo de Traballadores Independentes da fábrica de Ence, en Pontevedra, presentaron un escrito ante o departamento provincial de Educación da Xunta solicitando que os colexios públicos da cidade de Pontevedra "no sexan plataformas" de difusión de contidos contrarios á actividade industrial da planta.
Os delegados deste colectivo, Francisco Luis López e Benito Rivas, láianse da existencia dunha "campaña mediática" organizada, segundo din, pola Asociación pola Defensa da Ría (APDR) de Pontevedra, "coa única meta de fechar a factoría". Ademais, aseguran que o colectivo "leva a súa campaña aos colexios da cidade, divulgando vídeos e DVD's en horas lectivas". Este colectivo de traballadores tamén se queixou do "acoso permanente" ao que se ven sometidos, segundo contaron, polos membros da APDR, e criticaron, así mesmo, o apoio do goberno municipal a este colectivo.
Nova manifestación contra Ence este sábado
Polo seu lado, o vicepresidente da APDR, Benito Andrade, negou que o colectivo organizase charlas con alumnos nos centros escolares, salvo a distribución "hai tres anos" dun DVD "sobre as posibilidades de desenvolvemento" da ría. "Pode que se teña proxectado ese material", admite, "pero os docentes teñen liberdade para usar o material que crean oportuno á hora de desenvolver o curriculum escolar".
Nesta liña, Andrade lembrou que hai anos desenvolven unha campaña contra a permanencia de Ence na ría, xa que, lembrou, "a celulosa foi condenada por delito ecolóxico continuado"; e recalcou que os traballadores e traballadoras non son acosados polo seu colectivo, senón que "desenvolvemos unha campaña lexítima, que emprega medios legais". Así mesmo, o vicepresidente da APDR anunciou que o vindeiro curso han distribuír nos centros de ensino unha unidade didáctica sobre a Ría de Pontevedra, que a asociación elaborou coa colaboración da Consellaría de Medio Ambiente.
A seguir, Andrade lembrou que este sábado está convocada a XIV Marcha contra Ence, que partirá ás 19h30 das alamedas de Marín e Pontevedra, até confluír, ámbalas dúas protestas, fronte ao complexo industrial de Lourizán.