A presidenta da Cámara di que lle enviou o sábado copia das alegacións aos tres grupos. Os socialistas aseguran que souberon delas por teletipos.
"As alegacións formuladas polo Parlamento en contra do recurso de inconstitucionalidade presentado polo goberno central contra a Lei galega de caixas foron elaboradas polos servizos xurídicos da Cámara", expoñía este domingo nunha nota oficial a presidenta da Cámara, Pilar Rojo. "Trátase, polo tanto, dun documento estritamente xurídico, que non foi sometido a ningún tipo de supervisión política", argumentaba.
De paso, Rojo aseguraba que os tres grupos parlamentarios recibiron a primeira hora do sábado copia das alegacións remitidas ao Tribunal Constitucional. Recorda a presidenta da institución ("para evitar calquera interpretación amnésica dos feitos", recolle o comunicado oficial), que tanto PP como PSOE e BNG estiveron de acordo, por unanimidade, na Mesa do Parlamento, coa decisión de presentar alegacións contra o recurso de inconstitucionalidade promovido polo goberno español contra a lei de caixas.
O PSOE cre que non se respectaron as normas do Parlamento
A posición da presidenta da Cámara foi criticada en conferencia de prensa polo vicesecretario da Mesa, o deputado socialista Ricardo Varela, quen afirmou que as alegacións foron realizadas despois dese acordo unánime e negou que o seu grupo tivese acceso a elas. De paso, Varela asegurou que o PSdeG non comparte a argumentación xurídica deseñada pola Cámara para solicitar a retirada do recurso e denunciou que os socialistas souberon desta por axencias. O modo de actuación da presidencia da Cámara con este asunto, queixouse o portavoz do PsdeGm "non foi respectuoso cos grupos e non favorece a autonomía e a fortaleza da oposición".