En total serán oito, de 12 horas cada un, na Coruña, Ferrol, Santiago, Vigo e Ourense, impartidos pola Policía Nacional.
A Secretaría Xeral de Igualdade anunciou esta quinta feira a organización de cursos de defensa persoal para vítimas da violencia doméstica. Segundo explicou a responsábel do departamento, Marta González, un dos obxectivos é que a muller asuma que pode contribuír á súa seguridade e que certas normas e costumes poden marcar a diferenza ante un intento de agresión.
Desde Igualdade precisaron que "en ningún caso, o obxectivo do curso é promover que unha muller se enfronte fisicamente co seu agresor cando exista outra opción", mais, no caso de que isto ocorra, "o coñecemento de técnicas e tácticas para a súa defensa persoal pode facilitar que a vítima repela unha agresión e gañe o tempo preciso para recibir o auxilio necesario".
En total impartiranse oito cursos, na Coruña, Ferrol, Santiago, Vigo e Ourense, que terán unha duración de 12 horas e nos que participarán 16 mulleres en cada un deles. Serán impartidos por axentes da Policía Nacional e terán unha parte práctica e outra teórica.