O predicador da Casa Pontificia, Raniero Cantalamessa, pide perdón por comparar os "ataques" que está a sufrir Bieito XVI co antisemitismo.
"Neste Domingo da Resurrección do Señor, en nome da Diocese, dos peregrinos que nos acompañades e no meu propio, quero facer chegar a nosa felicitación pascual e o noso apoio incondicional coa nosa oración ao Papa".
Con estas palabras, en castelán, o arcebispo de Santiago de Compostela, Julián Barrio, facía referencia na homilía aos "ataques" de que está sendo obxecto Bieito XVI, Joseph Ratzinger, en relación cos casos de pederastia na Igrexa Católica e coa súa suposta implicación na ocultación dos mesmos.
Barrio incidiu en que o Papa "nesta singradura de forte temporal antieclesial e anticlerical está conducindo a barca de Pedro coa finura espiritual, a fondura intelectual e a firmeza que lle son propias e que o levan a facer un diagnóstico preciso da realidade e a ofrecer o tratamento axeitado para a purificación e renovación dos fillos da Igrexa". "Moitas grazas Santo Pai!", apostilou.
Cantalamessa pide perdón
Por outra banda, o predicador da Casa Pontificia, Raniero Cantalamessa, pediu este domingo perdón polas palabras que pronunciou na homilía do Venres Santo, e nas que comparou os citados "ataques" co antisemitismo.
"Se contrariamente á miña intención ferín a sensibilidade dos hebreos e das vítimas da pedofilia, laméntoo sinceramente e pido perdón, reafirmando a miña solidariedade cuns e con outros", declarou nunha entrevista ao diario italiano Corriere della Sera.