Co obxectivo de divulgar a cultura vitivinícola galega, Lugo acollerá unhas xornadas sobre a produción do viño e cursos de cata.
A iniciativa foi presentada na cociña do Museo de Lugo
“Para vencermos o desarraigo non hai nada mellor que o amor, a amizade e o viño”. As palabras de Manuel María servíronlle a Antón Bao, vicepresidente da Deputación de Lugo, para presentar unhas novas xornadas centradas na produción vitivinícola do país.
A partires do 13 de abril, Lugo acollerá a iniciativa “Beber do país”, que ten por obxecto “divulgar a cultura vitivinícola luguesa e galega, unha cultura de produción do viño que forma parte xa da nosa historia, da nosa cultura e da nosa identidade”. As xornadas correrán a cargo da Asociación Provincial de Empresarios da Hostalería de Lugo e a Asociación Galega de Viticultura, coa colaboración da Área de Cultura da Deputación luguesa.
As xornadas, que se celebrarán a vindeira semana, contarán cunha introdución ao mundo da cata de viños, á súa técnica e ás súas diferentes fases: visual olfactiva e gustativa. Tamén, se procederá á análise das variedades galegas segundo as denominacións de orixe do país, na que intervirán representantes dos consellos reguladores para explicar o seu funcionamento. E finalmente, haberá unha cata das diferentes denominacións, para apreciar as diferencias na elaboración que aplica cada adegueiro, con explicacións a cargo de expertos, que resolverán as dúbidas que formulen os participantes.