Poñen en marcha unha campaña co obxectivo de que se sumen ao partido medio millar de mulleres.
Carme Cajide é deputada e secretaria de Igualdade na executiva provincial do PSdeG
Conseguir que máis mulleres se impliquen e participen máis do debate político da man do PSdeG. Este é o obxectivo dunha nova campaña impulsada polos socialistas de Pontevedra, que se marcan como obxectivo conseguir nos próximos meses unha cifra de máis de 500 novas afiliacións de mulleres.
A deputada e secretaria de Igualdade na executiva provincial, Carme Cajide, recordou que a muller está aínda pouco representada na política e avogou para motivar a súa participación. Indicou que, malia que teñen xa unha participación moi activa na política provincial “como demostra que na propia executiva do PSdeG hai 11 mulleres, hai aínda que “profundar moito máis e reflexionar sobre a verdadeira importancia dunha política baseada na igualdade e na paridade”.