Os socialistas presentaron a web da súa próxima Conferencia Política. O papel estelar é para o ministro de Xustiza que coordina o grupo de traballo.
Portada da nova páxina do PSdeG
Antes de ser nomeado ministro de Xustiza (febreiro de 2009), Francisco Caamaño, era practicamente un descoñecido para a gran opinión pública galega. Aínda que ligado ao PSdeG dende hai anos, a súa actividade estritamente partidaria reducíase a apoiar os seus compañeiros da Costa da Morte, de onde é orixinario. Un ano despois, Caamaño convértese nunha das grandes esperanzas dun partido que aínda moula a resaca da perda da Xunta.
O PSdeG decidiu confiarlle nada menos que a coordinación do grupo de traballo que preparará a Conferencia Política que se celebrará en xuño e coa que os socialistas queren abrir a precampaña para as eleccións municipais. O propio Caamaño definiu hai dous meses este evento como “un reto” que intenta ser un punto de arranque para reactivar a militantes e simpatizantes.
Este mesmo mércores, o secretario de organización do PSdeG, o silledense Pablo García, presentou diante dos xornalistas unha web para intentar canalizar na rede as achegas para o debate. Na mesma, pódese observar a forte presenza de Caamaño, un nome cada vez máis presente cando se fala dos candidatábeis á Xunta de Galiza.