A entidade do sur propón prorrogar os mandatos dos membros dos respectivos consellos de administración.
O establecemento dun período transitorio de fusión de cinco anos, durante o cal se prorrogarían os mandatos de todos os actuais membros dos respectivos consellos de administración de ambas as entidades, Caixa Galicia e Caixanova "sen formulación algunha que puidese afectar de forma particular a persoas concretas". É a idea exposta publicamente este luns por Caixanova, nun comunicado enviado aos medios e onde asegura que desde o inicio das conversas se pronunciou nese sentido.
A entidade sae así ao paso das críticas pola suposta teima do seu presidente, Xulio Fernández Gayoso, de permanecer en primeira liña da caixa fusionada e defende que ese período transitorio é "coherente e necesario" dado o que consideran é "a elevada complexidade de xestión e a importante dimensión do proxecto que no seu caso habería que levar adiante". Defende ademais Caixanova que se trata dunha prolongación de mandatos durante cinco anos que xustamente coincide co prazo requirido para a devolución do probábel recurso ao Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB). Aluden tamén a outros procesos de fusión de caixas nos que, aseguran, se estabeleceron mecanismos similares e subliñan que a medida "reforzaría" as posibilidades de éxito do proxecto de fusión.
O alcalde de Vigo, outra vez crítico coa fusión
"Un linchamento en toda regra". Así definía este luns o alcalde de Vigo, Abel Caballero, as críticas ao presidente de Caixanova. Na opinión do que o rexedor vigués cualifica de escenario "calumnioso, cheo de mentiras, de falsidades e de ataques persoais" di ter dúbidas de que deba seguir o proceso de negociación.
Insistiu Caballero en que non se trata dun proceso de fusión senón dunha "absorción liderada por Caixanova". "O que está facendo Fernández Gayoso é defender Caixanova e esta cidade e por iso se lle está linchando, cousa que me parece intolerábel e propia de indesexábeis", arrebolou.
Xuntanza de Núñez Feijoo con PSOE e BNG
Para este martes hai fixado encontro do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, cos respectivos líderes de PSdeG, Manuel Vázquez, e BNG, Guillerme Vázquez. O obxectivo é acordar posicións conxuntas diante do proceso de fusión das caixas. Unha reunión que ten lugar na véspera do propio encontro dos líderes das dúas entidades, o vigués Fernández Gayoso e o coruñés Xosé Luís Méndez, con representantes de Xunta e de Banco de España coa meta de confirmar a vontade de fusión e acelerar o proceso.