Entre un esperpéntico xogo de reparto de poderes persoais, intereses empresariais, políticos, a opinión pública segue sen coñecer o obxectivo final da nova entidade.
Logo de meses e meses de negociacións, de centos de informacións dispares, de loita xorda de poder, de inconfesábeis intereses políticos e persoais, este mércores volveuse a dar un paso importante de cara á fusión. Caixa Galicia e Caixanova pactan que en caso de chegar a unión o consello da nova caixa contará con idéntico número de membros das dúas entidades. Os poderes públicos, nomeadamente a Xunta, xogan ao “deixar facer” como se fosen, no mellor dos casos, simples árbitros, cando non convidados de pedra nas mesas de decisión.
Mais o debate que a todas luces semella que debería ser o prioritario, ben máis importante ca o simple reparto de postos ou de sedes, segue sen trascender á opinión pública: Cal debe ser o modelo da caixa unificada que se quere construír? A resposta continúa nun segundo plano, eclipsada polos intereses dos directivos e dos “lobbies” político-empresariais da Coruña e Vigo.
Nin as organizacións políticas e sociais, nin os medios de comunicación, foron quen de facer unha diagnose clara e sen temores dos erros que cometeron Caixa Galicia e Caixanova na súa xestión. Ninguén pediu responsabilidades pola situación na que se atopan as dúas entidades e que semella obrigalas á fusión nun escenario de adversidade económica.
Cales van ser os criterios financeiros da nova entidade? Abandonaranse definitivamente as operacións puramente especulativas que se estiveron a facer máis aló das nosas fronteiras e que resultaron ruinosas? Priorizarase o crédito ao tecido produtivo do país? Haberá mecanismos reais de control e un funcionamento máis democrático? Será a nova caixa un instrumento de galeguidade e apoiará sen complexos a nosa cultura tal e como se ten reclamado dende o Parlamento? Ningunha resposta ás preguntas anteriores e moito menos un verdadeiro debate social.
Os mesmos temores: Preparando o petisco para Cajamadrid?
A pesar das discrepancias, o Partido Socialistas e o Partido Popular teñen unha visión semellante a nivel estatal. Os dous grandes partidos coinciden en rebaixar o peso das administracións públicas nos órganos de dirección das caixas (dun 50 a un 25%), e, por se isto fose pouco, socialistas e “populares” teñen claro que unha comunidade autónoma non debería poder vetar unha fusión “interrexional”.
O futuro das caixas, que comezou a escenificarse coa aprobación do FROB (pactado por PSOE e PP), está deseñado cara conseguir tres obxectivos fundamentais: reducir o máximo posíbel o número total de caixas, camiñar cara unha progresiva “bancarización” das que sigan funcionando e limitar o poder das autonomías nas mesmas.
Neste escenario por riba das entidades financeiras galegas sempre sobrevoou a posibilidade dunha absorción por entidades foráneas. Cajamadrid mostrou o seu interese no seu momento por Caixa Galicia e o seu director xeral tivo reunións con directivos madrileños para explorar esta saída. Outra cuestión na que non se poñen dacordo os expertos é se a fusión das caixas blinda a galeguidade das mesmas ou se non fondo pode ser un froito aínda máis apetecíbel para unha entidade maior. Para que isto último non acontenza, en caso de que se logre a fusión, será fundamental nos primeiros anos unha boa xestión que demostre a sustentabilidade e a autonomía do proxecto. Mais para iso é preciso respostar a pregunta que parece esquencida: Cal debe ser o modelo da caixa única?