A Confederación de Empresarios de Galicia felicita que se aclare o futuro do escenario financeiro de Galiza logo de meses de incerteza.
"É a mellor das opcións para a economía da comunidade, o seu tecido produtivo e a sociedade en xeral". Así o valora a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), nun breve comunicado enviado aos medios a última hora deste martes.
A CEG expresa a súa satisfacción pola "vontade" de Caixa Galicia e Caixanova no preacordo subscrito esta terza feira para converxeren nunha nova entidade fusionada. Un documento que, afirma a CEG, serve para "poñerlle fin a meses de incerteza e esclarece o futuro escenario financeiro de Galiza". A CEG considera ademais que a fusión anunciada mantén "os criterios de solvencia, equilibrio e galeguidade reiterados polas forzas políticas, centrais sindicais e empresarios ao longo dos meses nos que se estenderon as negociacións".