A formación sindical solicita a creación dunha mesa de negociación con presenza das centrais sindicais.
"Permitirá que o país conte cunha gran caixa de aforros con capacidade para xestionar os aforros dos galegos e as galegas para crear riqueza e emprego no país", avalía a CIG ao respecto do preacordo anunciado esta terza feira entre Caixa Galicia e Caixanova. Para o sindicato evítase así o perigo de deslocalización e desterritorialización en prol da posta en valor do aforro dos galegos e galegas "para xerar riqueza, emprego e benestar no país".
Con todo, a CIG critica que a Xunta botase man do apoio sindical "nos momentos difíciles" e prescindira deles na segunda fase do proceso de fusión "malia que demostramos o noso compromiso, lealdade e responsabilidade con Galiza". Nese sentido e cara ao novo escenario aberto, a CIG reclama a apertura "inmediata" dunha mesa de negociación que aclare todo o vencellado ao emprego e as condicións laborais do persoal das dúas entidades, lembrando que se trata de arredor de 10 mil postos de traballo ligados ás caixas.
Demandan desde a CIG que se aclare o custo económico e social da fusión, pedindo que se expliquen os posíbeis desinvestimentos, o impacto sobre o orzamento da obra social ou o reparto das sedes na práctica. Do mesmo xeito, advirten que non é menos importante "coñecer o novo modelo de xestión para evitar os erros do pasado, a especulación financeira e no sector inmobiliario". Nesa liña, a CIG ten claro que a nova caixa "debe apostar claramente por unha xestión ligada aos sectores produtivos que permita superar á crise económica".