O voceiro de Economía do PPdeG acusa os socialistas de tirar "pedras contra os intereses de Galiza" durante o proceso de negociación.
Pedro Puy
"A posición máis difícil de explicar é a dos que non estaban naquela foto da sinatura do manifesto en favor da fusión", explica, en clara referencia á ausencia naquela xuntanza da representación do PSdeG, o portavoz de Economía e Facenda do PPdeG, Pedro Puy, nunha entrevista na web da súa propia formación política (PPdegalicia.com).
"Non debe sorprender que os partidos galegos defendan a galeguidade das caixas, o sorprendente é o contrario", acusou Puy. "Houbo algún que deu un exemplo do contrario que debe facer un alcalde", afirmou Puy Fraga en alusión ás declaracións do rexedor vigués Abel Caballero durante o proceso, acusándoo de tirar "pedras contra os intereses de Galiza, tirando á súa vez pedras contra os intereses dos cidadáns do seu concello".
Segundo o deputado do PPdeG os "vaivéns do PSOE" durante o proceso que levou ao acordo para a fusión de Caixa Galicia e Caixanova "obedecen a un mal propio do PSOE en Galiza, desde o punto de vista histórico, que é que cando non goberna non é capaz de formular un liderado nin unha mensaxe ou ideoloxía común”. "Prevalecen os intereses curtopracistas dos distintos líderes ou alcaldes locais lastra o funcionamento do PSOE", avaliou. "De non ter traballado o Goberno galego a favor da fusión xa non teríamos caixas que democratizar porque ningunha delas estaría vencellada a Galiza”, subliñou Pedro Puy.