Avoga pola cooperación internacional para garantir a seguridade e di que manterá "a supervisión" para previr de material "obsceno e pornografía".
O 72,2% de usuarios viven en cidades
O goberno da China publicou este martes o seu Libro Branco sobre a internet, un documento onde se compromete a aumentar nun 15% o número de usuarios en todo o país, avoga pola cooperación internacional para garantir a seguridade na rede e asegura que manterá "a supervisión" para previr ataques informáticos e delitos como a divulgación de material "obsceno e pornografía".
O documento, de 31 páxinas, publicado pola Oficina de Información do Consello de Estado e titulado Internet na China, estabelece a política a seguir durante os próximos cinco anos. Nese período, as autoridades do país comprométense a aumentar ata o 45%, do 30% actual, a porcentaxe da poboación con acceso á web.
China é o país con maior número de usuarios. Con todo, o 72,2% destes viven nas cidades e só o 27,8% viven en zonas rurais, indica o Libro Branco. Por iso, as autoridades comprométense a reducir a fenda dixital e equilibrar as posibilidades de acceso de todos os seus cidadáns.
Respecto da censura, un dos aspectos máis criticados da política de Pequín ao respecto da internet, especialmente após o enfrontamento mantido con Google nos últimos meses, o documento avoga por manter baixo o código penal as sancións contra aqueles usuarios que utilicen a rede para cometer actos "criminais" de tipo fraudulento ou de carácter moral.
"Actividades delituosas como a divulgación de contidos obscenos, pornografía e apostas seguen a ser un problema apremiante", indica o documento. Así mesmo, as leis chinesas ao respecto manterán sancións penais para evitar a propagación de contidos que inciten ao odio étnico ou á secesión.
"Supervisión" na rede
O documento sinala que en 2009 se investigaron un total de 48 mil supostos delitos cometidos na rede, polo que as autoridades "continuarán a supervisar" a súa utilización. "A administración da internet é un proceso práctico e continuo. O goberno chinés está decidido a aumentar as súas operacións para administrar Internet", engade o informe, recollido pola axencia estatal Xinhua.
No Libro Branco, China solicita tamén o "pleno respecto" para "as preocupacións de cada país coa seguridade na internet", en referencia ás críticas recibidas desde occidente pola falta de liberdade na rede. No entanto, tamén insta á comunidade internacional a crear mecanismos que aumenten a protección e a seguridade no ciberespazo e apunta a ONU para este rol.
"China cre que todos os países teñen o mesmo dereito a participar na administración internacional dos recursos fundamentais que ofrece internet", indica o documento, que recoñece o papel que xoga para canalizar a sabedoría humana: "O goberno chinés fomenta o uso da internet por aquelas vías que estean destinadas a promocionar o desenvolvemento económico e social, a mellorar os servizos e a facilitar o traballo e a vida dos cidadáns".
Máis información