La Opinión de A Coruña acusa a La Voz de Galicia de ocultar durante 45 días que Gayoso será o primeiro presidente da nova entidade.
A fusión de Caixa Galicia e Caixanova foi un crebacabezas para o país nos últimos meses. A sucesión de intereses persoais, empresariais, locais e incluso mediáticos desembocou nun pulso que foi visto por moitos como unha lea entre os grupos de presión coruñeses e vigueses pola supremacía financeira de Galiza.
Aínda que a unión das caixas está encarrilada, a guerra librada nos últimos meses aínda dá para algúns axustes de contas mediáticos. O último exemplo pódese ver este domingo no diario La Opinión de A Coruña. O xornal publica unha nova titulada "E aínda así, será Gayoso" na que lle bota en cara a La Voz de Galicia que tardase “exactamente, 45 días” en publicar que Xulio Fernández Gayoso será o primeiro presidente da caixa fusionada, noticia que deran a coñecer as demais cabeceiras en maio.
La Opinión, do grupo Prensa Ibérica (o mesmo que edita Faro de Vigo), dispara con ganas na nova que ten moito de editorial e sinala, referíndose a La Voz, que: “O diario foi modificando paulatinamente o seu posicionamento; de non mencionalo pasou a contar que non se sabía quen ocuparía as copresidencias nin cales serían as quendas; despois publicou que Gayoso quería ser, cando logo do acordo para a fusión o propio presidente de Caixanova llo comentou aos traballadores na súa primeira xuntanza logo da sinatura en Santiago. O pasado luns chegou a máis e publicou que Caixanova decidira propoñer a Gayoso e solicitar para el a primeira presidencia, pero aínda tiveron que pasar uns días máis para que informase aos seus lectores”.
A nota de La Opinión vai máis alá ao sinalar que La Voz chegou a ser considerado durante o proceso como o “voceiro oficioso da entidade (Caixagalicia).