O Comité de Empresa irrompe no Consello de Administración para denunciar que a práctica totalidade da programación de verán é externa.
"Os traballadores e traballadoras da TVG queremos seguir facendo produción propia interna, tal e como xa viñamos realizando nestes 25 anos". Así reza o documento que vén de entregar o Comité de Empresa aos representantes do Consello de Administración da CRTVG en demanda do cese da externalización da produción da televisión pública galega.
En denuncia desta política que entenden que "se ven acentuando dende o relevo da dirección xeral, até o punto de que practicamente o cen por cen da programación non informativa do verán se vai a producir con empresas externas", o Comité de Empresa e delegados sindicais de CIG, UST, USO e CCOO interromperon o último pleno do Consello.
Denunciaron así esta práctica que "supón unha infrautilización dos recursos técnicos e humanos da canle pública, o que representa unha duplicidade de gastos e pon en perigo a continuidade de moitos postos de traballo na CRTVG" e "constitúe unha dilapidación dos recursos públicos, en contradición coa política de aforro anunciada polo presidente da Xunta de Galiza".
Reproducimos aquí o documento entregado ao Consello de Administración da CRTVG:
"GALEGOS NO MUNDO" PRIVATIZASE
O pasado día 3 de xuño, ante unha pregunta do comité de TVG, que sospeitaba un cambio de rumbo na produción do programa Galegos no Mundo, a directora da TVG, Rosa Vilas, confirmou que este espazo está agora en mans dunha produtora allea, Portocabo TV.
Hai máis de 20 anos que a TVG se converteu en pioneira en toda España coa primeira emisión de Galegos no Mundo, un programa que percorría o mundo en busca da identidade galega que se espallou máis alá das nosas fronteiras. Un espazo histórico feito por galegos e para galegos.
É lamentable que a Dirección de Televisión de Galicia se incline deste xeito a favor da externalización, pronunciándose en termos como que "somos caros", e que "debemos apostar polos low cost". Será obedecendo a esta premisa polo que a TVG ten agora máis da metade da súa produción en mans de produtoras alleas.
Queremos traballar. A día de hoxe, o comité de TVG, como órgano representante das traballadoras e dos traballadores desta empresa, vese na obriga de asumir este lema para frear a xestión da Dirección da TVG, encamiñada a unha progresiva externalización da produción.
Os traballadores e traballadoras da TVG queremos seguir facendo produción propia interna, tal e como xa viñamos realizando nestes 25 anos.
Somos unha canle pública autonómica, e a nosa función e a nosa obriga é precisamente desenvolver os contidos audiovisuais que demandan as galegas e galegos. Se non o facemos así, defraudamos a confianza depositada pola cidadanía nesta empresa.
A Dirección de Televisión de Galicia esqueceu que xestiona un servizo público cos cartos das galegas e galegos. O que está facendo con estes cartos é derivalos a empresas alleas, algunhas das cales buscan única e exclusivamente un beneficio económico, sen contribuír a creación dun tecido industrial do audiovisual galego.
Este Comité de empresa non pode admitir que neste momento de crise económica non se optimicen os recursos económicos, humanos e técnicos da TVG ameazando a súa sustentabilidade.
Comité de Empresa de TVG