Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A CERNA DO XALUNDES

'La' Coruña, A Coruña

17:23 02/11/2009

O asentamento na sociedade actual desa casta que poderiamos denominar "políticos profesionais", está a provocar nas últimas décadas a consolidación en España de auténticos réximes que tanto afectan a gobernos autonómicos como locais. A consecuencia coñecida adoita ser dobre: corrupción e ineficiencia. No caso do Concello da Coruña, haberá que engadir un elemento máis: o aparvamento.

Que foto a do alcalde da Coruña asinando, arrodeado dos seus concelleiros, a carta sobre o topónimo dirixida a Feijóo! Que instantánea exemplo paradigmático de ananismo intelectual e estulticia estratéxica! Que imaxe para a posterioridade de patetismo gregario e baleiramento ideolóxico! A Coruña acumula graves problemas de todo tipo e a Corporación dedícase a recuperar a renegrida teima do topónimo… Se algúns deles o fosen apreciar, recomendaríalles o artigo “La traición de la socialdemocracia” publicado en El País hai uns días.

Resulta duro asumir que ese grupo de eufóricos seres humanos conforman a corporación municipal que goberna a miña (¿?) cidade. Mais vivimos en comunidade e un debe esforzarse para non illarse da contorna. Ó cabo, resulta unha característica común co resto de criaturas, a nosa capacidade de adaptación. Así pois, asumamos a realidade comunal: adiante coa cooficialidade do topónimo! Agora, eu suxírolles, de xeito que a adaptación sexa recíproca, unha aplicación non lingüística senón circunstancial; utilizarmos unha forma ou a outra segundo a circunstancia e a ocasión. Velaquí uns exemplos:

Para loubar a figura de Millán Astray ou defender as fazañas do Xeneral Sanjurjo, utilizaremos La Coruña; para lembrar os asasinados do Portiño e A Torre ou recoñecer o pensamento e obra de Casares Quiroga, falaremos de A Coruña.

Para continuar a misión do embaixador nacionalcatólico disfrazado de socialista, cadrarse ante a Capitanía Xeneral ou acatar os degoiros dos clans hexemónicos, recorreremos a La Coruña; para estudar o labor das Irmandades da Fala, homenaxear a Porlier ou admirar o legado de Salvador de Madariaga, empregaremos A Coruña.

Cando se traten os dispendios dos materiais nobres na beira do mar, das estatuas, ascensores, trenciños ou esmaltes, das terrazas estragadoras dos espazos urbanísticos, dos fogos artificiais a esgalla, das recepcións, xoldas e troulas con diñeiro público, diremos La Coruña; e cando falemos das mareas vivas, do magosto e máis do entroido, do campo da feira, das regueifas e da muiñeira, do Nadal, digamos A Coruña.

Se coincidimos con galegos achantadores, asimilados e coitados, ignorantes da nosa historia e alleos á nosa lingua, refirámonos a La Coruña; pero se estamos con galegos orgullosos de seu País e conscientes da idiosincrasia e cultura deste pobo, vocalicemos A Coruña.

Nunha reunión de “Coruñeses de Toda la Vida”, nos concesionarios de Audi ou BMW desta cidade tan apegada ás aparencias e nos colexios privados, falemos de La Coruña; perante os cidadáns chegados das vilas lindeiras, cos veciños de Monte Alto, o Agra, Peruleiro ou Elviña, e nos colexios públicos, usemos A Coruña.

No peirao de embarcacións deportivas, La Coruña; no desprazado porto pesqueiro, A Coruña. No desfile das Forzas Armadas, La Coruña; nos días de sol e luz, A Coruña. No “Centro de Ocio El Puerto”, La Coruña; na Arquivo do Reino de Galicia, A Coruña. No pelotazo de Marineda e no resto de centros comerciais programados, La Coruña; nas tendas tradicionais e nos comercios condenados a pechar, A Coruña. Para ir rematando, cos loamiñeiros, enredantes e mamalóns, La Coruña; cos abnegados, valentes e xenerosos, A Coruña.

E unha vez definidos e consensuados os eidos onde aplicar cada termo, Losada (quere presentarse en 2011!), Moreda, Marón e demais compañeiros mártires, haberán decidir a súa posición: se nun lado ou no outro. Para min, que tentarán ficar nos dous. Con Feijóo.

4,5/5 (72 votos)



Marcelino Fernández Mallo

Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola UNED e MBA polo IMD, Escola de Negocios de Lausana. Desenvolveu a meirande parte da súa carreira profesional no sector financeiro galego. Publicou o ensaio "De la Peseta al Euro", o libro de relatos "Cabilia" e as novelas "A Trenza" e "Klásicos" Mantén a bitácora persoal A trenza



Máis opinións