A realidade esmaga o pensamento e a palabra. Que dicir cando se habita o imperio do despropósito?
A crise   delongada dexenera cara á depresión. O goberno que ha marcar  o rumbo leva descarreirado desde o comezo da viaxe. A oposición das  esperadas alternativas dáse un festín de prea. A xustiza exculpa os  verdugos para inculpar as vítimas. Os recursos naturais espólianse  como se fosen infinitos. Os mercados ameazan os países tal que xoguetes  de cristal. E o goberno próximo, o que determina o sentimento dos  cidadáns,  se un ha estar triste ou ledo, orgulloso ou avergoñado, cae na infamia  como método de xestión. Xa o dicía o nazi aquel: “fai o que teñas  que facer e afirma o que teñas que afirmar”. 
No  medio de tanta calamidade, coinciden nas datas dous acontecementos  transcendentes:  por unha banda, unha fusión forzada polas circunstancias, rexeitada  dende as entrañas mais precisa para a boa saúde do organismo enteiro;  pola outra, a loita por unha lingua propia amada dende os corazóns  e odiada por algunhas cabezas. Semellan fenómenos alleos pero, especulo,   non creo que o sexan tanto. De entrada, entidades galegas que utilizan  o catalán en Cataluña e o castelán na súa terra. 
O  presidente  pexorativo renegou da lingua e dubidou das caixas. Os patróns do Centro  encirrábano para acabar cos riscos esenciais, os valores, as tradicións,   o idioma, todo español de pura cepa e o demais, rústico folclore,  extinguible coma os incendios. Alentaban tamén unha reordenación das  finanzas na mesma dirección, os cartos centrípetos igualmente, o aforro  galego para a capital. Pero entón alguén resta 1 a outro 1 o que resulta   -2, e que así perdo as eleccións. E unha conselleira honesta, revelación   e estrela dun executivo patético, que advirte: “presidente, se perdemos  os cartos, adeus autonomía e adeus país.” E o presidente que corrixe:  “comunidade, quererás dicir comunidade; ou rexión para Madrid.”
As  caixas quedan e a lingua entrégase. Tanto teñen os manifestos e as  manifestacións, os ditames, as análises, os discursos e as aseveracións.   A lingua propia tórnase nun sacrificio para salvaren as caixas. E agora,   1 – 1 que dá cero para todo quedar igual. Feijóo repetirá e por  acó, veredes, con créditos pero en castelán. Esa é a miña especulación.
			Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola UNED e MBA polo IMD, Escola de Negocios de Lausana. Desenvolveu a meirande parte da súa carreira profesional no sector financeiro galego. Publicou o ensaio "De la Peseta al Euro", o libro de relatos "Cabilia" e as novelas "A Trenza" e "Klásicos" Mantén a bitácora persoal A trenza