Cun grande descrédito debido aos casos de corrupción dos últimos meses que afectan a altos cargos da estrutura dirixente do PP, un liderado cuestionado internamente e mal valorado na sociedade e unha ideoloxía neoliberal que está na orixe da crise económica - por máis que traten de ocultalo coa inestimable colaboración de moitos medios de comunicación-, o PP, para manterse como alternativa de poder e rendabilizar as oportunidades que a crise presenta, decide desempoar as esencias e converterse no grande defensor da Igrexa Católica.
O discurso de Mariano Rajoy a pasada fin de semana en Barcelona representa o triunfo da á conservadora do PP, é dicir, o triunfo de Aznar e a FAES, -aínda aquel non estivese presente. É, tamén o triunfo ideolóxico de Esperanza Aguirre.
Igual que no S.XVI, a Contrarreforma expándese cando - dinos o historiador H.Trevor- Roper (2009)- "a monarquía castelá, esa arcaica sociedade feudal que ascendera de casualidade a potencia mundial grazas á prata americana, se erixe en paladín da Igrexa Católica", o proxecto de intolerancia desta máis que milenaria institución vai ligado ao PP.
Xa dende Xoán Paulo II, emulando ao Paulo VI do Concilio de Trento (1545), o autoritarismo, a censura e a uniformidade teolóxica (represión da teoloxía da liberación...), convértense nos sinais de identidade da institución; a Inquisición e a Compañía de Xesús foron os seus principais instrumentos.
Afortunadamente a situación hoxe é moi distinta pero non así os seus obxectivos. Unha Igrexa que pretende unha forma única de Estado e unha forma única de sociedade. Queren que o Estado sexa o seu instrumento censor: que prohíban as obras de teatro que non lle gusten, ou películas; ameazan coa excomuñón aos políticos que apoien a lei do aborto ou que os seus símbolos estean presentes en todos os ámbitos da sociedade, etc. Seica se obriga alguén a que vexa determinada película, obra de teatro, ou aborte, poñamos por caso?. É o espírito da intolerancia que aspira a converterse en moralidade social e principio relixioso universal.
Que gaña o PP electoralmente?
Pero, que gaña o PP electoralmente converténdose no seu paladín nunha sociedade na que moitos sectores da poboación escapan á influencia da relixión católica?. Houbo tempos ao longo da historia en que a relixión actuaba como un cleavage (división social ou fractura) que tiña un impacto no voto, aínda que na década dos 80 e 90 a identidade relixiosa non afectaba ao comportamento electoral. Non obstante, algúns estudios (K. Calvo e J.R. Montero, 2002) puxeron de manifesto como nas eleccións do 2000, cando Aznar obtén a maioría absoluta, a relixiosidade resultou unha variable significativa na explicación do voto, como elemento de reforzo para entender o cambio de voto ao PP, naqueles votantes con dúbidas.
Dende entón con diversos altibaixos o PP está a intentar reactivar a identidade relixiosa, hoxe como contrapunto á escasa valoración do seu líder e ao cuestionamento dos seus postulados neoliberais en amplos sectores da poboación. E iso a pesar dun Estado que mantén enormes privilexios á Igrexa Católica.
O proxecto de uniformidade teolóxica e imposición á sociedade conflúen en ambos os dous actores, PP e IC: un quere o poder e o outro a eliminación do pluralismo. Ambos os dous intercámbianse e confúndense. Obxectivo: reducir ao máximo o Estado que é o principal obstáculo. Autodefinense eles como "sociedade civil".
Un proxecto sobre 4 eixes
Así o proxecto do PP xira sobre catro eixes:
a)Fortalecemento da identidade relixiosa (a católica, apostólica e romana). Ten que penetrar todo o tecido social empezando polo institucional: alí onde gobernan (por primeira vez dende a creación en 2001 da Comisión Galega de Bioética, prodúcese o nomeamento dun cura e un teólogo para formar parte dela, ademais, algúns curas andan as suás anchas pola UCI e plantas dos hospitais) e por reclamar o dereito á obxección de conciencia onde non gobernan.
b)Fortalecemento da identidade nacional española, promovendo o uso do castelán e desbaratando a protección das demais, caso do galego, por exemplo: promoción do neocentralismo (acabar cos nacionalismos e limitar e reducir as autonomías).
c)Privatización da sanidade e a educación (verdadeiro ámbito de negocios en época de crise) e recorte de prestacións e programas sociais. Modelo Aguirre (En Madrid hai xa máis colexios privados que públicos, novas universidades privadas e financiamento con fondos públicos de centros privados da sanidade) que empezou a implantarse en Galicia ca actual Xunta e que, a medida que vaia pasando a lexislatura, será máis letal. A metáfora do consumo individual escurece as consecuencias negativas que traerá para a maioría de cidadáns/ás.
d)Reforma laboral: Liberdade para despedir sen custo algún. Redución e eliminación de dereitos dos traballadores/as.
Noutras palabras, trátase de desfacer o xa realizado e colocar á Igrexa no papel que antano tivo, como mediadora entre nós e o futuro, non terreal, senón celestial, xustificando - e consolando- a posición que cada cal teña na sociedade: os ricos serán bendicidos e os pobres obterán a súa caridade.
Eduardo Rego Rodríguez (Santiago de Compostela, 1955). É profesor titular de Socioloxía na Universidade da Coruña, onde imparte a materia de Socioloxía Política.