Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A PONTE

Unha lección olímpica

11:30 07/10/2009

Alain Touraine, no seu último libro publicado "A Mirada Social: un marco de pensamento distinto para o século XXI", realiza unha crítica da idea dominante, durante a segunda metade do século XX, na esquerda, sobre a explicación das condutas sociais baseándose en determinismos económicos ou doutros tipos.

Idea dominante que, no contexto da globalización, de perdida de confianza nas institucións e nos partidos políticos, desconfía dos actores, négaos. ¡ Nada se pode facer contra o poder do diñeiro !

Fronte a esa idea redefine o suxeito o sentido do cal non está no sistema senón en ser actor, un actor que se crea así mesmo "que ten confianza na acción liberadora do suxeito e dos movementos sociais". Para Alain Touraine o problema máis visible é o da ecoloxía que cuestiona estilos de vida e modos de desenvolvemento.

Vén a conto este libro - limitado aínda que clarificador nalgúns aspectos-, que se suma a esforzos de autores varios para definir os novos actores sociais no que consideran como un cambio de paradigma, co descubrimento e apelación, por parte de sectores da dereita, -a raíz do fracaso da designación de Madrid como sede dos xogos olímpicos de 2016-, aos determinismos económicos ou xeopolíticos para explicar o fracaso da candidatura.

Meritocracia
Eles defenden - e algúns créeno- que nunha sociedade de libre mercado a posición xerárquica que adquire cada individuo é debido aos seus méritos, ao seu esforzo e capacidade individual (algúns deles, non obstante, céntranse na capacidade herdada - a bioloxía imponse: recorden se non ao Sr. Fraga cando xustificaba as prazas de oposición que obtiveran varios fillos de recoñecidos dirixentes do PP, na Deputación de Ourense, co argumento de que, realizándose o concurso en enfrontamento limpo, obtiveron as prazas porque eran máis intelixentes), sen que interveñan condicionantes económicos, culturais, de xénero, ou de calquera outro tipo.

Todo os medios de comunicación que lle dedicaron grandes espazos a este tema sinalan a grande elaboración, esforzo, planificación, dedicación, etc, da candidatura de Madrid. En definitiva, que a competición ía ser deportiva e o proxecto mellor habería de ser o elixido. Mesmo foron falar co presidente do COI para asegurarse - nun cara a cara- de que a competencia non estaba trucada e así llelo ratificou. Igual que un opositor calquera fora a preguntar ao presidente do tribunal da Deputación de Ourense se ía ser imparcial e xusto. O sorprendente é que non lle fixeran caso ao experimentado Sr. Samaranch, presidente do COI cando foi designada a candidatura de Beijing, e acudisen ata alí, mesmo o Rei, deixando á monarquía aos pés de repúblicas que ata hai pouco as asignabamos no terceiro mundo.

¡ A dereita descobre os determinismos e condicionantes¡
Desanimados descubriron segundo un xornal, "a fría sensación de que o esforzo non sempre ten recompensa". Noutras palabras, que hai condicionantes ou determinismos que limitan as capacidades dos actores aínda que poidamos soster, á súa vez, que nos actores, na súa toma de conciencia, na súa inspiración creativa, fronte á resignación e negación de si mesmo, poidan modificar eses determinantes.

Sería excelente que aprendendo en carne propia, por dicilo así, unha lección sobre a meritocracia, a tivesen en conta cando toman decisións políticas, pero, francamente, dubídoo. Do que si estou seguro é de que se sorprenderían como George Bush cando visitou Brasil, segundo nos conta Parag Khana nun estupendo libro que leva por título "O Segundo Mundo: Imperios e influencias na nova orde mundial": Bush, consideraba Brasil outro país sudamericano máis, sorprendido ao ver o mapa durante unha visita a ese país en 2005, exclamou: ¡ Guau! ¡ Brasil é grande ¡

5/5 (15 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Eduardo Rego

Eduardo Rego

Eduardo Rego Rodríguez (Santiago de Compostela, 1955). É profesor titular de Socioloxía na Universidade da Coruña, onde imparte a materia de Socioloxía Política.



Máis opinións