Para a Real Academia Galega o termo virachaquetas ten unha soa acepción: persoa que cambia de ideas ou de partido político segundo lle convén. Aínda que a RAG non especifica que se trata dun termo pexorativo, penso que cadraredes comigo en que dicir de alguén que é un virachaquetas non é precisamente botarlle flores. Non sei se mais ou menos pexorativo que chamarlle “gallego”, que non teño aparello de tanta precisión.
O virachaquetas é unha persoa. Non se aclara se humana ou non, pero algo é algo. Agora ben, xa sabemos que non poderemos referirnos como virachaquetas a un gato, e mira que cambian de idea os condenados; nin a un piñeiro, aínda que domeen segundo bufe o vento; nin ós volcáns, que ora dormen tranquilos ora lle da por cuspir as tripas.
Amais de persoa, para alcanzar o grao de virachaquetas hai que cambiar de ideas. Home, ata aquí todos entrariamos dentro do cualificativo, tendo en conta que dende a infancia entre xantar e xantar imos devorando ideas, conservando unhas poucas, desbotando moitas outras, e esquecendo a meirande parte delas. Esta capacidade do ser humano para recibir nova información, procesala e validala, permitiunos baixar das pólas e andar de pé. Polo tanto, o simple feito de cambiar de ideas non semella ser nada deshonroso nin motivo de maldicir.
¿E cambiar de partido político? Se podemos cambiar de ideas sen luxar a nosa honra, e tendo en conta que os partidos políticos nacen coma depositarios e defensores dun ideario, deberiamos concluír que cambiar de partido non é algo pecaminoso ou contranatura. ¿Por que logo tanto rebumbio? Porque o partido é unha organización e como tal aspira a ser canto mais grande mellor, incluso ata converterse en partido único –aínda que esto último, en democracia, é prudente non mencionalo de xeito expreso, polo que dirán-. Calquera deserción nas filas propias representa un paso atrás na procura do seu ansiado totalitarismo.
Como derradeira condición establece a RAG a comenencia propia. E se aquí está a chave do asunto, vaiche boa a navalla. E dicir, que se o tal Eliseo Fernández mudou o PSOE polo PP por axudar á pacificación dos utus e tutsis, non estariamos ante un caso chaqueteiro; aínda que se pensamos que esta axuda nobre e desinteresada pacificou a súa alma atormentada, aí habería un beneficio propio. E se o tal Eliseo o fixo a punta de pistola, poderiamos tamén desbotar o chaqueteo; aínda que se pensamos que así salvou a súa vida, ¿que meirande beneficio propio poderiamos atopar? Porén, se o pobre Eliseo transfugou por mor de facerlle fronte a uns apuros económicos, parece claro e meridiano a existencia do chaqueteo; ou non, porque se co cambio pode facerlle fronte ás débedas, os primeiros beneficiados van ser os seus acredores.
Naceu no ano 1959 en Cadrón, parroquia de tres lugares que son fronteira entre Lalín e Agolada. Na actualidade traballa de administrativo de obra no sector da construcción.