A democracia, como forma de goberno e organización social, agocha no seu cerne o principio “Cada persoa, un voto”, establecendo así o valor igual das opinións dos cidadáns e facendo residir a soberanía no conxunto deles. Algo así coma o “Creo en Deus noso Pai” da relixión ou o “Todos somos iguais diante da lei” do Estado de Dereito, que tamén son relacións de igualdade, intentando todos eles igualar o que nace desigual. Porén, a diferenza destas últimas, a igualdade alicerce da democracia amosa mais solidez, por mais crible e mais doada posta en práctica. Ademais, esa mesma igualdade –unha persoa=un voto- fixa a unidade básica de valor e medida do sistema, sobre a cal se poden levar a cabo as mais variadas operacións aritméticas, unhas con mais sentido ca outras.
O segundo principio que fundamenta o sistema democrático é o que fai referencia á toma de decisións, establecendo que a maioría de votos determinará o sentido daquelas. A diferenza doutros sistemas de goberno, onde só unha elite pensa, decide e manda, nas democracias faise o que quere a meirande parte da poboación. Con estes dous principios en funcionamento estariamos dentro dun sistema democrático puro, tamén chamado democracia directa. Por suposto, o feito de que as decisións sexan maioritarias non implica inexorablemente que sexan mais acertadas –tres burros non fan un listo-, pero a Lei dos Grandes Números dinos que é improbable que se trabuquen as multitudes.
Como os humanos non somos omniscientes, nin sempre temos vagar para pensar no que será mellor para o país, nin tampouco cabemos todos xuntos no Pazo do Hórreo, resulta que a versión que coñecemos da democracia non é a democracia directa, senón a representativa. Nesta última, a poboación xa non toma decisións senón que elixe a quen o terá que facer, creando deste xeito unha elite –a clase política- que vai ter nas súas mans os destinos de toda a poboación. Co paso dos días democráticos, este fato de elixidos cóllelle gusto á res pública e fai todo o posible por perpetuarse no escano, incluso instaurando sagas familiares ó xeito das dinastías reais e da nobreza. E sempre coa conciencia tranquila de estar alí porque a soberanía popular así o quixo, e non por cuestións de sangue, méritos herdados ou simple e pura ambición.
Ou sexa, que seguimos onde estabamos: gobernados por unha minoría, coma en calquera outro sistema político. ¿Cal foi logo o avance? Pois, home, que agora esa elite gobernante é periodicamente elixida por toda a poboación. Si, poida que si; pero nós eliximos entre aqueles que previamente a minoría elixe para que nós os elixamos. Vale, home, pero a diferenza é que agora non sempre gobernan os mesmos. Acordo, é certo; digamos que nunha ditadura, por exemplo, a elite é unha unidade de destino; e na democracia, a elite está partillada en dous, tres ou catro anacos. Pero o pastel é o mesmo, e os diversos sabores van gardando a quenda para mandar eles. Se o miramos así, un avance si que é. Aínda que as diferenzas de sabor sexan sutís e só para expertos padais, as mais das veces.
A democracia goza de sona mundial coma o mellor sistema de goberno, ou o menos imperfecto; e non vou ser eu quen bote abaixo tanto consenso e paz celestial. De feito, que eu poida facer públicas estas elucubracións é porque a democracia mo permite, cousa que non podería se vivise nun réxime ditatorial. O primeiro é ser agradecidos, as cousas como son. Agora ben, eso non quita de que estea convencido da falacia sobre a que se asenta o sistema democrático: fainos crer que é a maioría do pobo quen toma as decisións de goberno, cando tal cousa non pode ser e ademais é imposible. As minorías sempre gobernaron o mundo. Só cambian de roupa segundo veña a moda.
Naceu no ano 1959 en Cadrón, parroquia de tres lugares que son fronteira entre Lalín e Agolada. Na actualidade traballa de administrativo de obra no sector da construcción.