Vieiros

Vieiros de meu Perfil


MONTE ALTO

Negacionistas

14:00 17/10/2009

Chámanse negacionistas, como dixo Xabier P. Docampo no acto fundacional de Prolingua. Tamén se chaman outras cousas e tamén hai outros negacionistas; hai quen nega o exterminio nazi de xudeus, comunistas, xitanas e homosexuais, hai quen nega o cambio climático. Eles negan o idioma. Freud explicaríalles por que negan obsesivamente. Se cadra choraban.

Son negacionistas, en primeiro lugar, e como puidemos ver nos papeis da FAES, porque cuestionan a existencia mesma da lingua galega e do seu código culto. Non lles importa o que diga a lingüística internacional, e sobre todo non lles importa que a maioría esmagadora dos habitantes deste país asuma o idioma como propio, tanto se o falan como se non.

Negan logo que esa lingua que case non existe poida ser portadora universal de benestar, comunicación e coñecemento. Do contrario non dedicarían tanto esforzo, tanto fanatismo diario para evitar que os seus fillos e fillas entren en contacto coa realidade viva da lingua galega. Quérena lonxe, embalsamada e estraña.

Son negacionistas porque negan o proceso histórico de imposición. Proclaman cinicamente que o castelán é tan galego coma o galego ou, no mellor dos casos, desentendénse da súa responsabilidade nas múltiples imposicións que de feito continúan, amparándose no Dereito cando este serve ao obxectivo segregacionista e conculcando as leis cando, mal que ben, o impiden.

Son negacionistas porque negan que haxa imposición da lingua española (a que consagra a Constitución). Negan incluso os dereitos civís a cada galegofalante a través dese precario mecanismo (o Estatuto) que nin sequera obriga a coñecer o galego.

Mediante unha farsa con foguetes liberais ocultan o vello plan da reacción española, desde os gramáticos isabelinos ata Pilar Farjas, de conducir ao gueto calquera lingua diferente do castelán para, unha vez recluída lonxe dos espazos de decisión, celebrala como identidade melancólica. Queren que o galego se conxugue só en pasado, se xustifique só cara ao pasado e esmoreza na marxinalidade.

O negacionismo é unha mentira financiada por elites que dispoñen de diñeiro público e privado, poder e medios de comunicación ao seu servizo. Nós temos a forza das maiorías. Elas despregan agora nas rúas compostelás un espello xigante con todas as cores políticas e todas as texturas da convivencia para que os segregadores -ti na clase dos negros, ti na dos brancos- poidan ollar limpamente as súas faccións.

O negacionismo, modalidade lingüística do revisionismo, carece de valor para se organizar en voz alta e espallar a ira ao xeito dos avós da caverna. Pero soña secretamente que eses miles e miles de bocas que contradín o seu desexo aristocrático, innegociable, desaparezan dunha vez. Por iso debemos seguir afirmándonos en cada paso: foi a comparecencia das multitudes, reiniciada nos anos setenta, a que provocou que hoxe só se atrevan a soñar durmidos.

4,77/5 (74 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xabier Cordal

Xabier Cordal

Xabier Cordal Fustes naceu na Coruña en 1965. Exerce como profesor de Lingua e Literatura en Castro Ribeiras de Lea (Terra Chá). Publicou varios libros de poemas, tanto en solitario coma en grupo (con Ronseltz ou coas Redes Escarlata, colectivo do que forma parte actualmente). Colaborou co xornal Galicia Hoxe.



Máis opinións