A Comisión Permanente da Conferencia Episcopal Española (CEE) ven de aprobar, por unanimidade, unha auténtica declaración de guerra contra da nova materia de Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos que, desde o vindeiro curso, comezará a aplicarse en diversas CC.AA. con competencias plenas en materia educativa, como consecuencia da aprobación e desenvolvemento da LOE (Lei Orgánica de Educación). No caso de Galicia a nova materia entrará en vigor no curso seguinte en 2º de ESO.
A xerarquía católica colócase, desta maneira, nunha posición extrema, desde o meu punto de vista, profundamente antidemocrática, por canto que chama á desobediencia civil, ó incumprimento manifesto dunha lei que emana dos representantes lexítimos da soberanía popular, e o fai, reclamando dos católicos un posicionamento activo de rebelión fuxindo de “posturas pasivas e acomodaticias”. Entra así, de cheo, na campaña electoral do próximo ano cunha estratexia de confrontación radical ó goberno de José Luis Rodríguez Zapatero, nunha alianza expresa cos sectores máis confesionais do PP.
Coloca –ademais- a moitos católicos na disxuntiva de acatar e cumprir unha lei lexítima ou declararse en rebeldía favorecendo a obxección dos seus fillos e fillas á nova materia, co risco, evidente, de suspender e non acadar o graduado escolar ou o título correspondente de secundaria e bacharelato. Parece, desde todo punto de vista, unha esaxeración que, por outra parte, xa saben que non seguirá, nin tan sequera, a súa propia patronal relixiosa dos centros concertados, a FERE, que representa a máis do 80% do sector, e que participou nas reunións preparatorias e no deseño curricular de Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos xunto cos outras moitas entidades e organizacións, entre elas, a Fundación Cultura de Paz.
Manuel de Castro, secretario xeral da FERE, CECA e Educación e Xestión, representante máximo dos centros concertados relixiosos, mantivo unha posición moito máis intelixente, aceptou a nova materia e propiciou a súa adaptación ó ideario dos seus colexios, entre outras cousas, porque vulnerar a lei, conlevaría unha posibilidade –certa- de non renovación dos concertos.. Tampouco as dúas principais federacións de asociacións de pais e nais de Galicia pedirán a obxección.
Un divorcio coa xerarquía
Existe, polo que se ve, un crecente divorcio, nunca mellor dito, entre a xerarquía católica da Conferencia Episcopal e a Igrexa, entendida como pobo, os católicos e as católicas, nesta e noutras materias, relacionadas, nomeadamente, coas condutas e comportamentos sociais da cidadanía, léase, sobre todo, o control da sexualidade dos seres humanos...
No fondo, existe unha enorme confusión entre o que se entende por moral privada e moral social, tal e como afirma, o bo amigo José Antonio Marina, nada sospeitoso de laicista, autor dun dos libros de texto sobre a nova materia: “imos dar uns principios éticos cívicos baseados nos dereitos humanos”, o mínimo común denominador, as virtudes cívicas dun bo cidadán, con independencia de que teña ou non crenzas relixiosas.
Uns contidos que, polo demais, xa viñan formando parte do currículo transversal da Educación para a Paz desde 1990 ou da materia de Ética, e que xa imparten, en Europa, máis de 15 países, que non fan outra cousa que aplicar as recomendacións da ONU e da UNESCO cando declararon o ano 2005 como Ano Internacional da Cidadanía, así como as anteriores do propio Consello de Europa, explicitamente, desde o ano 20021.
A experiencia histórica
O toque de arrebato á insubmisión lanzado polos bispos españois contra da nova materia educativa expresa un “desafío” ó goberno Zapatero, algo así como poñer a venda antes da ferida, polo que poida pasar, polo que virá... por iso o chamamento á acción fronte da pasividade e o acomodamento. ¿Como se non entender que desde unha institución como a Conferencia Episcopal se promova activamente a desobediencia civil?. ¿Como compartir a obxección á democracia, ós valores cívicos e democráticos ou ós dereitos humanos?. Son moitos os católicos que están perplexos nesta e noutras inxerencias da xerarquía católica.
A propia experiencia histórica española, os séculos de adoutrinamento moral oficial, desde tódolos poderes do estado, a perda desa hexemonía e a exclusividade da formación moral da cidadanía, parecen estar no centro desta iniciativa insumisa dos bispos. Sen embargo, nun estado aconfesional, nunha sociedade democrática, plural e complexa, a escola, o estado, teñen non so o dereito senon a obriga de educar nos valores cívicos e democráticos e iso non significa ir contra da familia tradicional ou contra da relixión. Como moi ben resalta Marina: temos que fomentar a conciencia cívica do alumnado, ensinarlles que existen comportamentos e condutas boas e malas, xustas e inxustas, decentes e indecentes. Ou é que, neste caso, os bispos reclaman a neutralidade ética do sistema educativo?. Iso si que sería relativismo moral...
Por último, creo sinceramente que o PSOE debería tomar boa nota, sobre todo, cara ás próximas eleccións xerais e á hora de elaborar o seu programa electoral, porque a xerarquía eclesiástica, polo que se ve, parece insaciable. Cos actuais acordos co Vaticano e co anacrónico Concordato vixente, pouco avanzaremos na verdadeira aconfesionalidade e modernización do estado...
Manuel Dios (Santiago, 1953) está licenciado en Maxisterio e Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago. »