Cando comeza un novo curso académico, co lento camiñar do mes de Setembro, lemos, escoitamos, vemos, toda unha serie de novas que soan a vellas e a repetitivas, nesta ocasión, ademais, co pano de fondo dunha pandemia de gripe que chamamos A, pero que, en realidade, lembra ó xogo dos submarinos, H1N1, ¡ Auga, tocado, fundido !…
As declaracións alarmantes das autoridades e os inmediatos chamamentos á tranquilidade sucédense de forma obsesiva coas conseguintes escenas de cativos lavando as mans como posesos e o profesorado dos nervios porque descoñece, con veracidade, o que lles ven enriba.
E como cada mes de Setembro, que si as mochilas non deben pasar dos 6 quilos, que si os uniformes, que si haberá portátiles para o alumnado de 5º, que si a volta ó cole será máis cara e máis dura, reunións, claustros, departamentos, seminarios, horarios e aulas, saúdas e novidades, dimes e diretes…
Comentarios máis profundos sobre que si os libros de texto xa non serán gratuítos e universais, como o é a educación obrigatoria…, que si a Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos chega á Primaria, mira que sorte, mira que desgraza…, que si o galego recúa, non será para tanto…, que volven as subvencións públicas para algúns centros segregacionistas… e cando deixaron de existir?, os cambios de logos e mandilóns nas garderías, e o Carlos Casares, que pensaría?..., ou sobre si haberá, por fin, pacto de estado para educación como quere o ministro Angel Gabilondo… e todo cando empeza o rebulir de rapaces e rapazas, a monotonía da choiva tras dos vidros, mil veces cento, cen mil, mil veces mil, un millón….en palabras de D. Antonio Machado.
Cada comezo de curso é tamén tempo de ilusión, de renovación, de cambio, novos alumnos, novas alumnas, profes que non volven, profes que debutan, ansiedade, equipos, coordinacións, textos para preparar, documentos que cubrir, rutinas docentes, cursos de formación, sexenios, escolas de verán que apuran antes do outono…, un outono que, polo que se comenta, pode ser moi quente no ensino en Galicia…,especialmente, pola nosa lingua máis propia, quen o diría?, outra vez o conflito lingüístico, pero si iso non tocaba… seremos quen de resolvelo pacificamente?, desde o diálogo, o entendemento, o acordo, a concordia?, ¡ que atinado, que valente, Xosé Ramón Barreiro Fernández, presidente da Real Academia Galega, na Casa dos Poetas en Celanova…!
E que foi do Plan Integral de Mellora da Convivencia Escolar de Galicia, e do Observatorio Galego da Convivencia Escolar ?, Penso con sinceridade que sería moi bo reunilo para coñecer os novos proxectos do conselleiro. E terá isto algo que ver coa convivencia lingüística? Ou só estamos a falar da prevención da violencia, da conflitividade e da disrupción escolar?
E na nova materia de Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos, entran ou non os dereitos lingüísticos?. Ou é que pensamos que podemos construír a cidadanía democrática contra nós mesmos e o noso máis propio? Ou avergoñándonos da nosa sinal de identidade cultural máis xenuína?
Na Educación para a Paz insistimos moito na coherencia, no principio de evitar contradicións entre o que dicimos e o que facemos, entre o que poñemos no Proxecto Educativo, no Plan de Centro, no currículum…, e o que logo practicamos como docentes, dentro e fora das aulas, co noso exemplo…
E son tempos de coherencia…
Manuel Dios (Santiago, 1953) está licenciado en Maxisterio e Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago. »