Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Manuel Dios

A voltas coa Educación para a Cidadanía

13:25 27/05/2008

A campaña contra da nova materia de Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos, vixente xa en sete comunidades autónomas e que en Galicia empezará a impartirse o vindeiro curso académico, acrecéntase. A dereita política e relixiosa síntese reforzada pola sorprendente sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Andalucía que vén de respaldar a obxección de varios alumnos en aberta contradición con outras sentenzas dos tribunais superiores de Asturias, Cataluña ou Aragón. Parece razoable e urxente que o Tribunal Supremo se pronuncie canto antes para unificar doutrina e para non prolongar, por máis tempo, a inseguridade xurídica e a incerteza.

Comparto a visión de que estamos, esencialmente, diante dunha confrontación política, non tanto educativa, pois se analizamos os contidos da nova materia, os establecidos nos deseños curriculares e nas principais publicacións coñecidas e utilizadas ata o de agora, sen prexuízos, creo que estariamos todos de acordo na necesidade de aprender (e ensinar) a convivir, de coñecer e practicar os valores cívicos e democráticos, dentro e fóra das aulas, as chamadas virtudes cívicas, para ter unha cidadanía máis competente, máis libre, máis tolerante, máis responsable e máis solidaria. Mesmo nos centros educativos os problemas de conflitividade e convivencia acentúan esa necesidade.

Os contidos curriculares de Cidadanía e Dereitos Humanos, na súa práctica totalidade, formaban parte (e seguen a formar parte) dos chamados Eixes Transversais, particularmente do de Educación para a Paz, e se nos detemos -con rigor- nos libros de texto máis coñecidos, os de José Antonio Marina, Carmen Pellicer, Fernando Savater ou no de Moisés Lozano, coordinador do libro de texto do Seminario Galego de Educación para a Paz para o Consorcio Editorial Galego, observaremos que inciden, sobre todo, na educación afectivo emocional, nas relacións interpersoais, na igualdade entre homes e mulleres e na prevención da violencia de xénero, na resolución pacífica dos conflitos, na tolerancia e nos valores constitucionais, na interculturalidade, en definitiva, todo aquilo que resumimos no concepto de Cultura de Paz tal e como foi aprobado pola Asemblea Xeral de Nacións Unidas en 1999 e no seu Programa de Acción, así como nas insistentes Recomendacións e Resolucións dos organismos internacionais, especialmente, desde o ano 2002, da propia ONU, da UNESCO, do Consello de Europa, sobre todo logo do Ano Internacional da Cidadanía a traveso da educación en 2005.

Xa con anterioridade, Jacques Delors, presidente da Comisión Europea, autor do famoso Informe de Abril de 1989 "A educación acocha un tesouro" incidía na urxente necesidade de “aprender a ser, aprender a convivir, e aprender a vivir xuntos”.

Con posterioridade en España, de acordo con esas directrices, apróbase a Lei de Fomento da Educación e a Cultura da Paz no ano 2005 e a propia Lei Orgánica de Educación (LOE), publicada no BOE o 4 de Maio de 2006, que abondaron naquela mesma dirección. Os Plans Integrais de Mellora da Convivencia Escolar e a creación dos Observatorios da Convivencia nestes últimos anos nas distintas CC.AA e no MEC concretan –aínda máis- aquelas políticas.

Unha ética universal
A xerarquía católica primeiro, as organizacións máis confesionais despois e o Partido Popular, con tódolos seus medios, veñen liderando e amparando social e politicamente a desobediencia civil e a obxección a unha lei lexítima, mesmo Mariano Rajoy anunciou que suprimiría a materia se gañaba as Eleccións Xerais. Pero perdeu e lonxe de moderar o seu discurso, neste aspecto, segue a colocarse ó pé das sotanas de monseñor Rouco Varela, acusando de adoutrinamento e de catequese aos que defendemos a necesidade e a urxencia de educar para a cidadanía e os dereitos humanos, !qué paradoxo¡ confundindo interesadamente, a moral pública coa moral privada, ignorando que o máximo logro da intelixencia humana, como diría Marina, non é o avance tecnolóxico, como podiamos pensar, senón a construción dunha ética universal.

Porque estamos a falar de principios universais, que pertencen a todas e a todos, que son patrimonio da humanidade, non exclusivos de ninguén. Porque os distintos grupos humanos teñen códigos de conduta concretos para os seus seguidores, por iso falamos de moral cristián, xudía, budista ou islámica, e son lexítimas. O que non resulta lexítimo é querer impoñer unha moral privada ó conxunto da sociedade ou constituírse en xuíz e intérprete da moralidade pública dun país.

 A Constitución, os Estatutos de Autonomía, a Declaración Universal dos Dereitos Humanos, na que se sustentan, establecen os principios básicos do funcionamento democrático, consagran os valores cívicos comúns a toda a cidadanía e ningunha lexislación pode poñelos en xuízo sobre a base da súa propia moral privada.

O Tribunal Supremo non debería permanecer máis tempo calado. E o novo goberno tería que clarificar dunha vez por todas o que entende por avanzar na laicidade do Estado xa que a situación actual, para a comunidade educativa, profesorado e familias, parece insostible.

2,91/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Manuel Dios

Manuel Dios (Santiago, 1953) está licenciado en Maxisterio e Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago. »



Anteriores...