Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Proceso de paz en Irlanda do Norte

Acordo Sinn Féin-DUP: Belfast asume as competencias xudiciais e policiais

Unionistas e republicanos conseguen coa transferencia de Londres superar o estancamento en que se atopa o parlamento dende xuño.

Redacción - 11:25 19/11/2008
O parlamento leva cinco meses parado

O parlamento leva cinco meses parado

O Partido Unionista Democrático (DUP) e a formación republicana Sinn Féin alcanzaron un acordo para a transferencia ou devolution (devolución) das competencias en Xustiza e Interior de Londres a Belfast.

O principal escollo era estabelecer o momento en que a Asemblea debería asumir as competencias, e aínda que non hai un calendario fixado, si "un compromiso" entre as dúas partes para completar o proceso, segundo destacaron. Londres aceptou en 2007 as transferencias dentro do pacto que permitiu daquelas restabelecer a autonomía e salvar os acordos de paz. Maio de 2008 era a data límite fixada.

En virtude do acordo -alcanzado logo numerosas de disputas entre os dous partidos, que mantiñan paralizado o proceso de paz, e o parlamento dende o mes de xuño- designarase un novo fiscal xeral para Irlanda do Norte (actualmente, o de Inglaterra e Gales asume esta función). Ademais, crearase un novo Ministerio de Xustiza, que dirixirá unha persoa allea aos dous principais partidos.

O ministro principal, Peter Robinson (DUP), sinalou que se alcanzara "unha resolución satisfactoria das cuestións máis complicadas". "Agardamos que o primeiro ministro (británico, Gordon Brown) se comprometa a axudar a resolver os pactos financeiros relativos á transferencia das competencias", engadiu.

O viceprimeiro ministro, Martin McGuinness (Sinn Féin), destacou que se lograran "progresos significativos", e expresou a súa confianza en que o pacto lle permita ao Executivo funcionar "sen interrupcións". Precisamente, esta cuarta feira á mañá reanudou as súas xuntanzas semanais.

Brown, pola súa banda, agradeceu o "sentido de Estado" demostrado polas partes: "Creo que Irlanda do Norte enviará un sinal de esperanza ao resto do mundo de que mesmo os problemas máis difíciles nos momentos máis complicados, pódense resolver", subliñou.


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: