Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O ceense Francisco Caamaño

Zapatero nomea un cuarto ministro galego a unha semana do 1-M

Substituirá o ministro de Xustiza, Fernández Bermejo, tocado pola cacería na que participou e a primeira folga de maxistrados da democracia.

Redacción - 14:00 23/02/2009
O, até o de agora, ministro de Xustiza, Mariano Fernández Bermejo

O, até o de agora, ministro de Xustiza, Mariano Fernández Bermejo

O até o de agora secretario de Estado de Asuntos Constitucionais e Parlamentarios, o ceense Francisco Caamaño, foi nomeado polo presidente do goberno español novo ministro de Xustiza esta segunda feira, tras coñecerse a marcha de Bermejo. Caamaño fora, na pasada lexislatura, a man dereita do ministro de Interior nas negociacións relacionadas co Estatuto de Cataluña, e na actualidade estaba traballando no Estatuto de Castela-A Mancha.

Caamaño naceu en Cee (Fisterra) en 1963. É licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, e foi nesta mesma, profesor axudante, e despois profesor titular de Dereito Constitucional. En 1993 foi designado Letrado do Tribunal Constitucional, e en outubro de 2002 obtivo a cátedra de Dereito Constitucional na Universidade de Valencia.

Caamaño, que mantén unha moi boa relación persoal con Zapatero e Xosé Blanco, convértese no cuarto ministro galego do executivo español cando falta menos dunha semana para as eleccións galegas. Con este nomeamento, o goberno de Rodríguez Zapatero convértese no máis "galego" de todos os habidos na historia recente.

"Sempre ando lixeiro de equipaxe, pero marcho cunha bagaxe envidiábel"

O até de agora ministro de Xustiza do goberno español, Mariano Fernández Bermejo, adiantou esta segunda feira a súa decisión e anunciou o cese no seu cargo. Estaba previsto que o ministro non seguise tras a primeira remodelación do executivo que se faría esta lexislatura, mais Bermejo foi por diante, poñendo enriba da mesa do presidente Zapatero a súa dimisión.

Bermejo, que levaba case dous anos á fronte do Ministerio de Xustiza -foi nomeado para este cargo o 9 de febreiro de 2007- fixo pública a súa marcha despois do escándalo político que supuxo a súa participación nunha cacería, a carón do xuíz da Audiencia Nacional, Baltasar Garzón, xusto cando este estaba a instruír un sumario sobre a presunta corrupción que afecta a membros do Partido Popular. Bermejo tampouco tiña licenza para cazar na finca andaluza na que se desenvolveu a xornada. Alén disto, na marcha do ministro pesou a súa falta de destreza para resolver conflitos, que se puxo de manifesto a pasada semana, durante a primeira folga de xuíces que se desenvolveu na historia da democracia no Estado Español, e que secundaron dous terzos dos maxistrados, segundo o Consello Xeral do Poder Xudicial. Mais este foi só un dos problemas que esbandallaron a Bermejo.

Nunha conferencia de prensa ofrecida no ministerio, Bermejo asegurou que vai continuar como deputado no Congreso, mais que marchar é "o mellor que podía facer". Sen falar, durante toda a comparecencia, da xornada de caza, o até o de agora titular de Xustiza referiuse indirectamente aos feitos e o emprego que deles fixo o Partido Popular. "Non podo tolerar a utilización dos acontecementos que todo o mundo coñece, contra os ideais do PSOE". "Sempre ando lixeiro de equipaxe, pero marcho cunha bagaxe envidiábel", afirmou o ex ministro, quen concluíu dicindo que non se trata dun Adeus", senón dun "até logo", porque vai seguir traballando no mesmo proxecto, que lle segue a parecer "ilusionante".

O seo PSOE retíralle o apoio a Bermejo
A pesar de recibir o apoio público dos membros do goberno español e do partido socialista -a pasada semana, na sesión de control, o presidente José Luis Rodríguez Zapatero respondeu con contundencia e negativamente ás peticións de cese do ministro lanzadas dende a bancada da oposición-, nos últimos días distintos dirixentes do PSOE amosaron a súa incomodidade coas actividades privadas do ministro. De feito, esta segunda feira o candidato a lehendakari, Patxi López, aseguraba nunha entrevista que non lle gustaba nin a el nin a ningún socialista, a cacería de Bermejo, posición á que se sumou José Bono. Previamente, o ex ministro Jerónimo Saavedra, pedira a súa dimisión, e a vicepresidenta do goberno español, María Teresa Fernández De la Vega, amosaba pouca forza na súa defensa de Bermejo após o último Consello de Ministros. De feito, De la Vega desautorizara ao agora ex ministro na súa idea de reformar a lei para impedir que os xuíces poidan ir á folga como planteara Bermejo no mesmo día do paro. "O goberno non ten como prioridade esa lei", dixera, naquela altura, a vicepresidenta.

Reaccións ao nomeamento de Caamaño: entre os eloxios e as expectativas


5/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: