Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CUARTO MINISTRO GALEGO

Reaccións ao nomeamento de Caamaño: entre os eloxios e as expectativas

Touriño considera a elección unha boa noticia para Galiza, o BNG definiu ao novo ministro como unha persoa rigorosa e o PP considerou lóxica a dimisión de Bermejo.

Redacción - 18:37 23/02/2009
Caamaño convértese no cuarto ministro galego do Estado Español

Caamaño convértese no cuarto ministro galego do Estado Español

"Unha boa noticia para a xudicatura e para Galiza". Así definiron os socialistas o nomeamento do novo ministro de Xustiza, o ceense Francisco Caamaño. O presidente da Xunta e candidato socialista á reelección considerou "acertada" a decisión de Fernández Bermejo de presentar a súa dimisión e nun acto na Costa da Morte definiu a Caamaño como "un home comprometido e de diálogo". Asemade, asegurou sentirse satisfeito ante "a presenza aínda maior de galegos no goberno do Estado Español".

Na mesma liña se pronunciaron este luns outros cargos do PSdeG: a Secretaria de Organización e cabeza de lista pola Coruña, Mar Barcón, asegurou que con esta medida se confirma "o peso do socialismo galego no goberno de España e nas políticas do Estado";o coordinador do partido nas Cortes, Antón Louro, subliñou que o novo ministro "ten unha gran solidez intelectual e unha demostrada e contrastada capacidade política"; o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, salientou a súa "gran man esquerda" e o seu homónimo en Vigo, Abel Caballero, definiuno como "un dos mellores xuristas de España".

Máis valoracións
Dende o BNG, o seu portavoz no Congreso, Francisco Jorquera, cualificou de "lóxica" a dimisión de Fernández Bermejo polos erros cometidos e pediu igual correspondencia no Partido Popular para facilitar a investigación da suposta trama de corrupción na que están implicados. Doutra banda, felicitou ao novo ministro, a quen definiu como "unha persoa seria e rigorosa no traballo" e dixo confiar en que teña a capacidade para afrontar a "materia pendente" da modernización da xustiza.

Polo Partido Popular foi a súa secretaria xeral, María Dolores de Cospedal, quen fixo valoracións dende Pontevedra. Considerou a dimisión "lóxica" porque Bermejo "asume responsabilidades por actuacións que non deberían producirse nun Estado de Dereito". Con todo, dende o PP non se fixeron valoracións sobre a figura do galego que asumirá o cargo a partir deste martes.

Finalmente, o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG), Miguel Ángel Cadenas, asegurou que agarda que o cambio de dirixente non supoña un atraso nas negociacións coas asociacións xudiciais. Así, o tamén membro da asociación Xuíces para a Democracia, incidiu na importancia de acadar acordos que permitan mellorar a dotación de medios no ámbito xudicial.


Ligazóns

5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: