Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
En perigo o SGI

Denuncia polo "letargo" da Xunta en materia de Igualdade

A deputada socialista Silvia Fraga cualifica de "revisionista" o roteiro da Xunta nesta materia e di que en políticas sociais Feijoo está "máis á dereita ca Manuel Fraga".

Redacción - 14:00 05/03/2010

Ás portas da celebración do Día da Muller Traballadora, desde o PSdeG zoupan este venres contra a Xunta polo "moito pendente de facer en materia de igualdade e o moi pouco que están facendo". A voceira de Igualdade do grupo parlamentario socialista definiu de "deixadez" a estratexia do Goberno neste eido político, advertindo que nin sequera se estarían cumprindo cos mínimos imperativos legais recollidos na Lei de Igualdade no Traballo en Galicia. Referiuse por exemplo á necesidade de desenvolvemento dos Plans de Igualdade nas empresas, a promoción da Igualdade na negociación colectiva, a potenciación de medidas de conciliación nas actividades de formación ou a Marca Galega de Excelencia en Igualdade.

Silvia Fraga achegou diversas iniciativas parlamentares sobre a materia chamando a Xunta espertar do "letargo" no que lle toca ás políticas de igualdade. De xeito concreto denunciou que o Goberno "quere suprimir o Servizo Galego de Promoción da Igualdade (SGI)" e ao fío disto acusou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, de defender políticas sociais "máis á dereita de Manuel Fraga". A deputada socialista recordou que o SGI é un organismo autónomo da Xunta creado en 1991 que ten entre os seus obxectivos a promoción da igualdade nos ámbitos familiar, laboral e político e preguntouse se "para o PP xa non existe discriminación, e si isto é o que entende Feijoo por austeridade e que teñen que pagar o pato da austeridade as mulleres galegas".


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: