A iniciativa posta en marcha pola asociación de empresas adicadas á internet e ás novas tecnoloxías demostra o pulo do sector.
Xa era sabido que o sector TIC é máis resistente á crise ca outras actividades económicas. Agora, unha nova iniciativa posta en marcha por Eganet confírmao. A bolsa de emprego posta en marcha pola Asociación de Empresas Galegas adicadas a Internet e Novas Tecnoloxías xestionou, no seu primeiro semestre de andaina, máis de 30 ofertas de emprego xeradas no sector.
Segundo Eganet, isto demostra a alta mobilidade laboral e a demanda de persoal cualificado que se produce nas TIC, malia que as empresas do sector tamén se resenten da actual conxuntura económica, que lles afecta na contracción da actividade de contratación.
O tipo de ofertas demandadas é bastante variado, aínda que destaca o de responsábel de proxectos, dirixido a persoas tituladas en Telecomunicacións, Informática ou Económicas e Empresariais, e os de programador e analista de sistemas, para os que se precisa Enxeñaría Informática. Pero o sector demanda tamén profesionais con perfís relacionados coa comunicación, lingüística, pedagoxía, tradución, arte ou deseño.
A bolsa de emprego de Eganet está aberta tanto ás empresas como aos solicitantes de emprego, que poden usala para enviar currículos directamente á compañía demandante ou permitir poñelos a disposición das 55 empresas asociadas.
Nos dous últimos anos, Eganet desenvolveu dous programas de contratación que seleccionaron 36 profesionais de asesoría-comercial TIC para a súa inserción en 23 empresas asociadas, e 20 responsábeis de proxectos para outras 14 compañías.
A asociación dirixida por Víctor López pretende ampliar as posibilidades da bolsa de emprego cunha mellor organización dos currículos por perfís profesionais e achegándoa aos servizos de colocación tanto públicos como privados.