Practicamente confirmado que Xosé Luís Pego, director xeral de Caixanova, ostentará ese cargo na futura entidade fusionada, a presidencia aínda é atranco na negociación.
Desde a representación dos traballadores en Caixa Galicia e Caixanova levan tempo chegando voces que chaman á renovación dos cargos directivos aproveitando o proceso de negociación de fusión en marcha. Mais na cima da pirámide de mando das dúas entidades, o debate ten xustamente os momentos máis intensos no tirapuxa ao respecto do reparto da cota de poder entre os cadros directivos de ambas as dúas entidades.
Con Xosé Luís Pego, actual director xeral de Caixanova, como probábel director xeral da entidade fusionada, o principal atranco é neste punto a presidencia da futura caixa. Nese punto, o vigués Xulio Fernández Gayoso semella ir facer valer a súa presión sobre o proceso para acceder a ese cargo. Iso si, segundo transcendeu desde o contorno das caixas, unha das opcións manexadas é que se trate dunha presidencia de transición cun relevo acordado a medio prazo. Da xuntanza esta terza feira dos respectivos consellos de administración de Caixa Galicia e Caixanova agárdase que saian á luz os termos do posíbel acordo final.
Anterior: A resposta que nos ocultan: pero cal vai ser o modelo de caixa?