Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Atende a cinco mil familias

Preescolar na Casa: trinta anos de experiencia desaproveitada polas administracións

O colectivo reuniu 22 mil sinaturas en favor do proxecto. Critican que Educación reducise á metade a axuda nos dous últimos anos.

R.N - 19:05 01/07/2008

Dos 22 funcionarios aos que a Consellaría de Educación lles concedera axuda para traballaren en comisión de servizo e que estaban implicados no día a día de Preescolar na Casa, só haberá 13 no próximo curso. Desde a Fundación Preescolar na Casa sinalan que son aínda máis de 60 persoas implicadas no proxecto, pero advirten de que xestos como o de Educación seguen erosionando a capacidade dun proxecto de recoñecida experiencia e éxito. "Os gobernos deberían mimar este programa, pero nunca foron excepcionalmente ambiciosos", láiase María Xosé Blanco, presidenta do comité de empresa de Preescolar na Casa.

Salienta Blanco o paradoxo de que o programa de formación de pais creado en 1977 goce trinta anos despois de recoñecemento internacional, inspirando proxectos similares en Francia, Portugal e en varios países de América Latina, e pola contra siga sen contar cun compromiso máis ambicioso en Galiza por parte das sucesivas administracións. Na actualidade, nin sequera existe aínda compromiso de investimento plurianual para soster o proxecto, de forma que moitos traballadores van ao paro durante uns meses ao rematar o curso, en espera da renovación das axudas.

Campaña en apoio da continuidade do proxecto
Diante da situación, pais, nais e traballadores vencellados a Preescolar na Casa iniciaron unha recollida de sinaturas que foron entregadas este luns na delegación da Xunta en Lugo. Un total de 22.293 apoios ao programa que avalan un documento onde se expresa a "preocupación" pola continuidade do servizo ás familias. Desde Preescolar na Casa quéixanse do desinterese amosado especialmente pola Consellaría de Educación. Recorda María Xosé Blanco que o proxecto está apoiado por outros departamentos da Xunta, como é o caso de Vicepresidencia, pero insiste na necesidade de que Educación se comprometa directamente coa iniciativa. Pola contra, esta consellaría reduciu de 22 a 17 o ano pasado o número de mestres que achegaba ao colectivo e suprimirá outras catro prazas cara ao curso que vén.

Exemplo das eivas e a intención da consellaría de deixar de facerse cargo dos gastos de desprazamento do profesorado, que acumula longas quilometraxes no rural do país, cunha actividade precisamente pensada para achegar recursos e formación pedagóxica a calquera recanto nunha xeografía marcada pola dispersión.

"Queremos que o camiño iniciado hai trinta e un anos teña continuidade", sinala o presidente da Fundación Preescolar na Casa, Alexandre Fernández Pumariño, destacando a demostrada eficacia á hora de "implicar" a nais e pais na educación dos máis pequenos. Na actualidade, Preescolar na Casa suma 741 grupos, que fan xuntanzas cada quince días e agrupa a 4.500 familias en toda Galiza. Nalgúns concellos xa existía lista de espera na actualidade, fronte á imposibilidade de atender todas as demandas de formación.

Trinta anos de historia
O programa Preescolar na Casa foi creado en 1977 polo finado Antonio Gandoy Díaz, coñecido en Lugo como o "crego da bici". Fundouse co obxectivo de axudarlles aos pais a educaren os seus nenos durante o período previo á escola naquelas zonas onde non había centros de educación infantil.

En 2002, coincidindo co 25 aniversario do proxecto e coa morte do seu fundador, o programa desvinculouse de Cáritas Diocesana para constituírse en fundación independente, e seguir facendo o seu: concienciar aos pais da importancia do seu papel como primeiros educadores dos seus fillos. Máis sobre a historia de Preescolar na Casa.


3/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: