Este sábado celébrase a tradicional marcha anual contra a fábrica de Ence-Elnosa en Lourizán.
A marcha arrinca ás sete e media da tarde
Un ano máis, a Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) convoca unha manifestación nas instalacións de Ence-Elnosa en Lourizán (Pontevedra). Con saída ás sete e media da tarde, dende as alamedas de Marín e Pontevedra, a organización chama a unha ampla participación social para facer patente o rexeitamento da cidadanía a esta industria contaminante, así como para exixir a súa saída inmediata de Pontevedra.
Os lemas que acompañarán a marcha e que convidan a sumárense son: "Por un modelo de desenvolvemento sustentábel que permita a creación de postos de traballo na comarca" e "porque a recuperación da ría, da saúde e dos postos de traballo non pode agardar máis: hoxe máis que nunca, celulosas Elnosa fóra da ría".
Antes do 2018?
Os diferentes colectivos que apoian a convocatoria exixen que a factoría abandone a súa actual localización mesmo antes de que remate a concesión, dentro de nove anos. Piden, ademais, que faga fronte aos custos de rexeneración e saneamento da ría.
Con todo, parece que a negociación sobre esta saída non entra nos plans da empresa, polo menos até dentro de tres anos. A concesión do Estado para situarse nestes terreos ten unha vixencia até o 2018, polo que a firma conta con seguir operando con normalidade dende estas instalacións. As decisións sobre posíbeis traslados e demais non se revelarán até que se coñeza o futuro plan estratéxico, que entrará en vigor a finais de 2011. A previsión é que este documento reflicta unha decisión definitiva para a planta, fundamentalmente logo de que o desenvolvemento do concurso eólico botase por terra outras posibilidades que barallaban os empresarios Manuel Jove, Epifanio Campo e Xacinto Rei.
Pola súa parte, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo (PP), xa asegurara logo da toma de posesión que o seu era un "compromiso firme" para trasladar a Ence fóra da ría. Porén, esa mudanza debería ser dentro da propia comarca e mantendo os postos de traballo. Estas declaracións foron moi criticadas polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores (BNG) e polos colectivos veciñais e ecoloxistas. Ademais, o elevado orzamento que sería preciso para este proxecto fixo tamén desconfiar aos traballadores e aos propios responsábeis da planta, que se amosaron escépticos.
Necesitamos unha pasteira?
Sobre o tema do traslado da factoría a outras posíbeis situacións, colectivos como Adega consideran que se está a obviar o debate sobre a necesidade ou non de contar cunha celulosa en Galiza: "non habería que falar propiamente do traslado da planta de Lourizán, senón da construción dunha nova pasteira", din.
Nesta liña, pregúntanse: "realmente precisamos unha industria tan contaminante como Ence? Os ecoloxistas recordan que actualmente hai sete pasteiras en Portugal e entenden que a recente ampliación da celulosa de Navia pode absorber a produción de madeira galega. Así, entenden que este posíbel traslado "tamén trasladaría os problemas de consumo de recursos, contaminación, verquidos e cheiros a outro lugar".